top of page
capa O Camiño das Mulleres.png
O Camiño das mulleres - El Camino de las mujeres - Women´s Way
Un libro pioneiro e multilingüe sobre o lugar das mulleres no Camiño de Santiago, que podes ler e descargar de balde premendo na capa

“As mulleres viaxamos. Moito. Desde sempre. Soas, con amigas, cos fillos e fillas, de novas, de vellas... Ao longo da historia temos numerosos exemplos de mulleres que deixaron atrás os convencionalismos e botáronse a andar, subiron a burros, barcos, trens e tamén avións que incluso pilotaron. Somos máis intrépidas do que coñecemos e imaxinamos. Móvenos o pracer, a paixón, a valentía, a aventura, a espiritualidade, porén é moi difícil atopar información sobre estas mulleres referentes: descoñecemos totalmente os seus nomes e as súas experiencias.”

O libro O CAMIÑO DAS MULLERES ten como obxectivo a recollida e a posta en valor da experiencia de viaxe e de peregrinación feita por mulleres, así como a promoción do Camiño de Santiago desde o seu lado máis humano, sostible e transformador.

Componse dunha primeira parte que revela a presenza das mulleres no Camiño de Santiago, demostrando que elas estiveron presentes no fenómeno xacobeo desde o inicio, malia os prexuízos, a mala fama e até as prohibicións expresas para peregrinar que foron emitidas por autoridades políticas, relixiosas e sociais co fin de confinalas novamente ao doméstico. “De feito, durante séculos —indica a autora— a peregrinación foi a única viaxe permitida ás mulleres, e moitas aproveitaron esta oportunidade para saír dos seus deberes domésticos, para coñecer por si mesmas o mundo e outras xentes, e sacar as súas propias conclusións. Podemos imaxinar a emoción e a vertixe que lles debeu de producir iniciar a aventura. Como di a investigadora Juliana González-Rivera “quen conta o mundo son os viaxeiros” e aí temos o exemplo da galaica Exeria que viaxou no século IV até Oriente Próximo para contarlles ás compañeiras sobre os monumentos e lugares que atopou no camiño, ou o de Margery Kempe, quen deixou escrito que chegou a Compostela o 25 de xullo de 1417 despois de atravesar o Canal da Mancha nun barco pequeno e sucio rodeada de homes que ameazaban con lanzala pola borda coma un fardo no caso de tempestade.”

Son experiencias transformadoras, de rebeldía, empoderamento e encontro con unha mesma, nas que o Camiño supuxo un espazo de liberdade para moitas mulleres como as que protagonizan a segunda parte do libro, que dá voz ás protagonistas, ás peregrinas, a través das historias de cinco mulleres con distintas orixes, idades, expectativas e experiencias vitais — amurciano-galega Alba, a madrileña Isabel, a arxentina Ximena, a irlandesa Aoife e a xaponesa Tomoko—que fixeron (algunha máis de unha vez) o Camiño de Santiago, soas ou en compañía feminina, facendo fronte aos medos, dúbidas, desafíos e prexuízos, e atoparon nesta experiencia única a oportunidade de se redescubrir, saír da zona de confort e facerse máis libres, independentes e seguras.

“As mulleres somos maioría desde o ano 2018 entre as persoas que se fixeron coa Compostela ao culminar o Camiño de Santiago —indica Sabela Losada Cotizas—. Non debería sorprendernos: as últimas décadas foron testemuña de como as mulleres adquirimos presenza en ámbitos absolutamente diversos, mesmo naqueles que tradicionalmente nos foron vetados con reticencia, desde os campos de fútbol ata a investigación científica. Nos últimos anos, mulleres de todas as idades unímonos de forma visible e masiva nas rúas e nas redes sociais co obxectivo de denunciar as violencias machistas e de devolvernos o protagonismo nas nosas propias vidas e nos asuntos colectivos, seguindo a idea radical de que as mulleres somos persoas, en palabras da escritora Marie Shear. As mulleres que contan as súas historias neste libro fano conscientes de que a experiencia da viaxe non é igual para homes e para mulleres, pero coa decisión clara de que o medo non lles faga perder a que pode ser a experiencia das súas vidas. Por iso este libro (acaído especialmente a estes tempos de restricións de mobilidade nos que o desprazamento na súa forma máis xenuína e sinxela —camiñar— recuperou o valor que esqueceramos que tiña) é tamén unha defensa do noso dereito como mulleres de poder viaxar soas polo mundo, ou acompañadas, ou como queiramos, sen que nos agridan ou xulguen por iso. Temos a certeza de que un mundo no que mulleres e nenas poidan desprazarse soas con seguridade e con tranquilidade é un mundo seguro e tranquilo para todas as persoas”.

O libro, producido enteiramente en Galicia e editado en formato dixital, conta con imaxes a toda cor e textos multilingües (galego, español e inglés) co obxectivo de chegar a todos os públicos, nacionais e estranxeiros. Forma parte dun proxecto máis amplo que inclúe a publicación do libro en papel, a produción de curtas audiovisuais e unha exposición itinerante, que fan fincapé na experiencia de ser muller viaxeira, no relato intercultural do intercambio así como no cambio transcendental que a peregrinación supón na vida da persoas, ben pola súa motivación, ben polo proceso de reflexión espiritual ou ben por servir de escenario para a toma de decisións esenciais na vida, tal como se recolle no Plan Estratéxico Xacobeo 2021.

 

Cun deseño atractivo e coidado, O CAMIÑO DAS MULLERES é un proxecto orixinal e pioneiro, acaído aos tempos actuais nos que en todo o mundo se produce unha posta en valor das achegas das mulleres e a reivindicación da súa autonomía.

O libro forma parte do FONDO DE PROXECTOS CULTURAIS XACOBEO 2020 DE CONTIDOS CREATIVOS DE INTERESE CULTURAL E ARTÍSTICO, LINGÜÍSTICO E TURÍSTICO da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, e foi publicado en decembro de 2020.

bottom of page